A UE escolle o modelo de Mancomún para o seu Observatorio e Repositorio de Software libre

martes, 1 de xullo do 2008 Raquel Noya

Xesús M. Martínez Baleato presentando a Mancomún ante o SEMIC

O Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR), que vén de ser presentado recentemente polo IDABC en Bruxelas, reproduce “mimeticamente” a estrutura de Mancomún como un “modelo de éxito” aplicado en Galicia dende hai máis de dous anos.
Esta estrutura baséase nun portal web que permite que tódalas institucións, organismos e persoas (a título individual) compartan o software libre que producen e intercambien os recursos e coñecementos que posúen da materia a través de servizos colaborativos e de observación tecnolóxica.
O feito de que Mancomún sexa o modelo escollido finalmente pola Comisión Europea para poñer en marcha o OSOR fai que esta ferramenta se converta nun referente europeo en materia de software libre contribuíndo ao asesoramento e desenvolvemento de proxectos internacionais orientados á maior difusión e implantación das tecnoloxías abertas.
A fin de contas, e tal e como sinalou Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información (principal entidade promotora do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galicia), “trátase non só de que Galicia sexa consumidora senón tamén produtora de recursos e servizos na Sociedade da Información e do Coñecemento”.
Durante o acto (privado)de presentación do OSOR, os asistentes puideron debater sobre as posibilidades que abre a propia plataforma, os proxectos de éxito incluídos no repositorio e a futura orientación que adquirirá o proxecto.
Os responsables desta iniciativa veñen de anunciar que a versión definitiva da plataforma será presentada ao público en xeral no marco da Conferencia Mundial de Software Libre que terá lugar en Málaga no vindeiro mes de outubro.

Arquitectura do Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre (OSOR)
A arquitectura do OSOR está construída sobre Plone e Gforge de xeito que, non so almacenan código fonte e aplicacións listas para o seu uso, senón tamén documentación sobre estas e información sobre as distintas licenzas de Software Libre e material sobre a contratación de servizos relacionados con tecnoloxías abertas.
Este sistema permite “albergar”, de xeito semellante a como o fai Mancomún, servizos adicionais aos do propio repositorio como calendario de eventos, novas máis destacadas, foros e outros servizos colaborativos ademais dos ligados ao Observatorio.
O proxecto admite tanto software de balde, libre e de código aberto distribuído baixo as licenzas recoñecidas pola Fundación de Software Libre (FSF) e pola iniciativa de Código Aberto (OSI) como do código que é lanzado baixo a Licenza pública da Unión Europea (EUPL).
A iniciativa inaugura o intercambio de información, experiencias e código fonte de Software Libre entre as distintas administracións públicas a través da nova plataforma. A apertura deste fluxo permitirá aos membros da Unión Europea mellorar o retorno dos seus investimentos en tecnoloxías da información, así como facer as súas aplicacións máis interoperables.

PUBLICIDADE