O mes que vén celebrarase en Lugo o segundo TEDxRúaSanFroilán

martes, 6 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A despedida do TEDxGalicia o pasado mes de decembro non supón a desaparición dos eventos independentes TED en Galicia, senón que o vindeiro 10 de marzo no auditorio do centro cultural O Vello Cárcere de Lugo terá lugar a segunda edición de TEDxRúaSanFroilán.
Este encontro que xirará ao redor das intelixencias contará con 9 relatores que achegarán os seus puntos de vista dende ámbitos tan diversos como a ciberseguridade, a educación, o deporto ou a comunicación. Temos así que destacar a partición de Roberto Anta, especialista en ciberseguridade; de Mar Castro, comunicadora especialista en NETiqueta, oratoria emocional e protocolo; e Daniel Sánchez, físico especializado na transformación das empresas en entidades eficientes.
Os interesados en asistir a este encontro deberán aboar 12 euros cos que sufragarase a organización do evento, e dado que só poñen a disposición do público 80 billetes, espérase que en poucos días xa non estean dispoñibles.
O evento que terá lugar entre as 10:00 e as 14:30 horas conta co patrocinio e a colaboración do Concello de Lugo, Abanca, DNG Photo Magacine, Carmen Porteiro e a Fundación TIC, resultando un tanto rechamante que a comunicación en liña a realicen unicamente en español.

Relatorio de Jorge Coira impartido na edición do ano pasado de TEDxRúaSanFroilán

PUBLICIDADE