O matamarcianos Sine Mora estrea versión renovada

martes, 8 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Hoxe sae á venda por 19,99 euros para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Steam) o xogo Sine Mora EX, un shoot’em up de desprazamento lateral que preséntase de xeito contemporáneo, pero mantendo as mecánicas clásicas do seu xénero, de xeito que os amantes dos matamarcianos máis frenéticos estarán encantados de poder botar as mans a esta obra de Digital Reality e Grasshopper Manufacture que en 2012 vira a luz para PC, PS3, Xbox 360, PS Vita e iOS, e que agora chega nunha versión estendida que tamén ten previsto contar con versión para Nintendo Switch nos vindeiros meses.
O xogo é un shooter 2.5D con gráficos renderizados en 3D, que presentan unha estética bastante peculiar (dieselpunk) e pode completarse tanto no seu modo Historia como nun máis desafiante modo Arcade (que lembra a dificultade que este tipo de xogos tiñan nos salóns recreativos). A súa xogabilidade está baseada na extensión do tempo, presenta 7 fases variadas e incluso a súa música é bastante salientable (obra de Akira Yamaoka, director de audio de Slient Hill e Shadows of the Damned).
Sine Mora EX presenta agora unha relación de aspecto de 16:9, voces en inglés, modo cooperativo local para 2 xogadores no modo Historia, 3 novos modos de enfrontamento (Carreira, Tanques e Obstáculos), novos niveis de desafío e un renderizado mellorado.

Tráiler de presentación de Sine Mora EX para Nintendo Switch

PUBLICIDADE