O iPhone chegará ó Reino Unido cunha forte campaña publicitaria

martes, 30 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O vindeiro 9 de novembro chegará finalmente o iPhone a Europa, desembarcando nas Illas Británicas da man de O2, filial de Telefónica, de xeito que o móbil de Apple vai protagonizar unha campaña publicitaria multimillonaria que podería custar entre 5 e 10 millóns de libras, converténdose nun dos investimentos máis elevados no Reino Unido para o lanzamento do produto.
O iPhone converterase así nun dispositivo omnipresente con presenza nas rúas (en carteis), na prensa e na televisión. Para este momento especial, unhas 300 tendas de O2 e de Apple pecharán ó serán do vindeiro día 9 para abrir ás 18:02 horas, momento no que comezará a venderse o terminal telefónico que tamén se distribuirá a través de Carphone Warehouse.
O prezo de venda do iPhone no Reino Unido será de 269 libras (385,42 euros) ós que haberá que engadir contratos de telefonía móbil de entre 35 e 55 libras/mes (entre 50,15 e 78,80 euros), o que inclúe o uso ilimitado de conexións de datos por Wi-Fi e conectividade GPRS/EDGE, así como unha serie de minutos en chamadas de voz e mensaxes SMS segundo o contrato elixido.
A operadora británica agarda vender máis de 100.000 unidades do novo móbil antes do Nadal.

PUBLICIDADE