O iPhone chegará a América Latina

xoves, 8 de maio do 2008 Marcus Fernández

O sector da telefonía móbil está a agardar polo lanzamento dunha versión renovada do iPhone, e cada día coñecemos máis detalles da estratexia comercial que finalmente parece que será global e non se limitará a uns poucos mercados. Así, tralo anuncio de que Vodafone venderá o móbil de Apple en 10 países acaba de sorprendernos Telecom Italia ao anunciar que tamén venderá o terminal en Italia, ou sexa, que competiría coa operadora británica no territorio italiano, o que suporía a fin das exclusividades do iPhone, o que agradecerán moitos usuarios que poderían non ter que cambiar de operadora para gozar do desexado móbil.
Tamén resulta especialmente relevante que o iPhone chegará a América Latina da man de varias operadoras (Telcel, Claro, Comcel, Porta e MiPhone). Os países que gozarán da nova versión do móbil estrela en 2007 serán México, Chile, Arxentina, Brasil, Perú, Uruguai, Paraguai, República Dominicana, El Salvador, Guatemala, Honduras, Nicaragua, Porto Rico, Colombia, Ecuador e Xamaica, aínda que non se anunciaron as datas de lanzamento.

PUBLICIDADE