O iPhone 5 chega a España a medianoite

xoves, 27 de setembro do 2012 Marcus Fernández

Este venres é a data de lanzamento do iPhone 5 en España, móbil que poderá mercarse a través da páxina web de Apple dende a medianoite, mentres que nas tendas físicas de Apple tamén será posible mercar o terminal dende as 8 da mañá. Os prezos que terá libre o novo móbil da compañía da mazá trabada será de 669, 769 e 869 euros para os modelos de 16, 32 e 64 Gb, como era de prever.
Pero os usuarios que prefiran facerse co iPhone 5 a través dun operador móbil tamén poderán mercarllo a Movistar, Vodafone e Orange, agardándose que acepten pedidos vía web dende as doce da noite, aínda que tamén abrirán algunhas tendas físicas para os máis impacientes. Concretamente Vodafone abrirá as súas tendas de Madrid (Porta do Sol), Sevilla (Luis de Morales) e Palma de Mallorca (Aragón), mentres que Orange abrirá as súas 3 tendas estrela de Madrid (Gran Vía, Goya e Praza da Porta do Sol). Este ano Movistar decidiu non facer o propio coa súa tenda insignia en Madrid.
Cómpre destacar que o novo móbil de Apple non fai uso de tarxetas micro SIM como o iPhone 4/4S, senón que emprega as novas nano SIM, que parecen ter certos problemas de abastecemento, especialmente por parte de Operadores Móbiles Virtuais, aínda que é posible cortar unha SIM actual para convertela ao novo formato estándar (aínda que é recomendable facer tal cun dupricado para evitar desgustos, especialmente mentres nas tendas especializadas non conten cos cortadores de tarxetas que facilitarán o proceso).

PUBLICIDADE