Formoso aposta por un pacto entre todas as institucións para promover a ciencia e a tecnoloxía

venres, 23 de febreiro do 2024 S. P.

O biopolo da Sionlla (Santiago), a Cidade das TIC da Coruña, o escenario virtual inmersivo que impulsa no dito completo a Deputación da Coruña foron tres dos temas tratados no segundo Encontro do ecosistema de investimento en ciencia e tecnoloxía deptech, que se celebrou esta semana na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC baixo o lema Investir en ciencia si é rendíbel. Impacto e retorno. Entre os participantes atopábase o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso, quen destacou a importancia de apostar pola ciencia e a tecnoloxía para "impulsar Galicia".
E engadiu: "Debería promoverse un pacto entre todas as institucións para que todos puxeramos o noso grao de area, achegando unha pequena parte do orzamento", dixo para lembrar que a Administración provincial, pese a carecer de competencias nese eido, xa está a contribuír con investimentos por valor de 100 millóns de euros co fin de prestar apoio a "1.800 proxectos emprendedores que alberguen os soños de aqueles que non queren deixar o seu país" e queren investigar e traballar en Galicia.
O presidente provincial participou na mesa redonda Investimento que fai país, na que destacou algunhas das iniciativas que promove ou nas que participa a Deputación da Coruña, como é a Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo, "unha aposta polo talento e o emprendemento" e unha oportunidade para as iniciativas de ámbito tecnolóxico, entre outros sectores, que conta con 11 centros adheridos nos que xa están integrados 15 proxectos vinculados á innovación. Porén, precisou que eses coworkings constitúen só unha parte dunha liña de traballo que inclúe "proxectos estratéxicos" coma o escenario virtual Coruña Estudo Inmersivo, na Cidade das TIC. Trátase dunha infraestrutura que se atopa xa en fase de construción e que vai servir de impulso ao audiovisual galego, un sector integrado por máis de 700 empresas que dan traballo a 4.500 profesionais.
Tamén lembrou o compromiso da Deputación co biopolo da Sionlla, en Santiago, cun investimento dun millón de euros para contribuír a converter a capital galega nun referente en biotecnoloxía, ademais da súa participación na incubadora de empresas de alta tecnoloxía en Intelixencia Artificial, que se vai crear na Cidade das TIC e que estará dirixida a eidos como a industria intelixente, a saúde, a economía circular e os servizos públicos.
Durante o evento, organizado por Unirisco e Bio&Tech Smart Capital, de Noso Capital, Formoso compartiu conversa con Pilar Carrato, directora económico-financeira do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación; Juan Manuel Garrido, director de operacións de Enisa; Covadonga Toca, directora xeral do IGAPE; Joaquín Gómez, director do Instituto de Fomento da Rexión de Murcia, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Na mesa redonda lembrou que a Deputación é a primeira entidade local que participa con investimento en empresas de ámbito tecnolóxico a través da contribución a Unirisco, sociedade de capital risco participada pola UDC e a USC. Ese apoio concretouse hai un ano cunha achega de 400.000 euros para que ambas universidades tomasen parte na ampliación de capital de Unirisco.

PUBLICIDADE