O iPad leva a Apple a liderar as vendas de portátiles

xoves, 17 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Segundo datos preliminares de DisplaySearch para o cuarto trimestre de 2010, Apple vén de converterse no fabricante con máis equipos portátiles colocados no mercado con 10,2 millóns de unidades e unha cota do 17,2% superando a HP con 9,3 millóns de unidades e o 15,6% dos equipos. Acer (8,4 millóns de equipos) queda nun terceiro posto, seguido por Dell (5,9 millóns) e Toshiba (5,1 millóns).
O trimestre anterior Apple estaba nun modesto terceiro posto, polo que o impresionante crecemento da compañías neste ámbito parece vir provocado polo feito de que DisplaySearch considera que os tablets son ordenadores portátiles, de aí que o iPad afecte de xeito decisivo á evolución de Apple nas vendas.
Parece evidente que estes datos de DisplaySearch son moi polémicos por considerar que os tablets son ordenadores, posto que actualmente Apple é o único dos 5 fabricantes líderes que teña un dispositivo deste tipo á venda (cando menos de xeito significativo), o que é de agardar que mude en 2011, polo que nos vindeiros meses, de funcionar comercialmente os produtos que nos últimos días puidemos ver no Mobile World Congress de Barcelona, a distancia entre os fabricantes podería reducirse e Apple podería perder a actual condición de líder no sector dos portátiles.

PUBLICIDADE