O grupo USCAN3D recibe un recoñecemento polo seu labor de virtualización e análise de plantacións

mércores, 12 de decembro do 2012 Redacción

O equipo USCAN3D da Universidade de Santiago de Compostela (Campus de Lugo), vén de recibir unha importante distinción ao seu labor de desenvolvemento de novos recursos e aplicacións de virtualización. Lembrar que este grupo de I+D ten a súa sede na Escola Politécnica Superior de Lugo e que está coordinado por María de la Luz Gil, sendo responsábel, entre outras moitas cousas, dun dos máis interesantes certames tecnolóxico-lúdicos convocados para a mocidade e a nivel estatal: o certame de modelado en 3D para teléfonos móbiles. Agora, volve estar de actualidade por ter recibido, este martes 11 en Madrid, un dos accésits nos premios anuais á innovación outorgados pola Fundación 3M, e que este ano tiñan a auga como ámbito de investigación.
O premio ao grupo da USC, precisamente, insírese na categoría Auga e Natureza. Foi concedido con motivo do traballo Novas tecnoloxías de forestación e monitorización de plantacións en ambientes semiáridos, que foi realizado de xeito conxunto con investigadores da Universidade de Valladolid.
O traballo, sinala a USC, ten por obxecto analizar a viabilidade técnica e económica dunha tecnoloxía innovadora para a implantación vexetal en zonas semiáridas: o Waterboxx. Esta permite fornecer de humidade unha planta nos seus primeiros anos de vida. En segundo lugar analízase o emprego de tecnoloxías “que simplifiquen e abaraten o proceso de monitorización das plantacións realizadas, para o que se empregan novidosas técnicas para o control mediante a teledetección terrestre de baixa altitude cun sensor multiespectral axustado a unha plataforma aérea non tripulada, e realizando posteriormente o tratamento dixital das imaxes obtidas”.
USCAN3D, engade a USC, está conformado por un equipo de investigadoras/es especializadas/os na técnica de virtualización de obxectos, cubrindo tamén a creación, propiamente dita, do software específico para estas técnicas. Estas tarefas centraron a súa participación no proxecto galardoado, máis polo miúdo a monitorización das plantacións mediante teledetección terrestre e fotogrametría de baixa altitude. Pola súa parte, o equipo da Universidade de Valladolid encargouse de analizar a viabilidade técnica e económica do Waterboxx.

PUBLICIDADE