O grupo Pont-e sácalle proveito ás TIC para recadar solidariamente máis de unha tonelada de alimentos

venres, 9 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A iniciativa Pont-e, unha fronte 2.0 da mocidade do último curso de Publicidade e Relacións Públicas do Campus de Pontevedra da que falamos recentemente con motivo do seu reforzamento, está a achegar bos e importantes froitos solidarios. E todo a través da participación e un emprego eficaz e rendíbel do Facebook, que é, por así dicilo, a ferramenta comunicacional por excelencia do grupo Pont-e. Segundo se conta na Web, o grupo promoveu os días pasados unha actividade para colaborar co Banco de Alimentos. O obxectivo: canalizar o potencial solidario da cidadanía e o potencial, neste senso, das novas tecnoloxías da información. A iniciativa chámase Operación Kilo e, grazas a ela, xa se recadou máis de unha tonelada de comida: 1.200 quilos. Esta comida irá destinada ao apoio das familias con menores recursos.
Co fin de acadar isto, o grupo estivo máis dunha semana mergullado en traballos de planificación “tanto polas redes sociais como pola rúa, animando a participar a todo o mundo e buscando colaboracións que poidan contribuír de forma efectiva”, salientan as integrantes do colectivo. A campaña de promoción foi do máis eficaz e, de contado, conseguiuse a implicación de empresas de primeira liña, como Gadisa, que doará 100 quilos de alimentos, ou de Corporativa Arbórea e Mundo Verde, que contribuíron á causa con 20 kg de produtos ecolóxicos. Co fin de afinar ao máximo a rendibilidade da campaña e prepararse para o día de mañá (a planificación en liña será un dos eidos a cubrir polas estudantes que participan en Pont-e), as responsábeis do grupo botaron man de todo tipo de medios, formatos e fórmulas, tanto virtuais como físicas. “Empregamos todos os medios dispoñibles: redes sociais, cadeas de contactos, marketing viral, pegada de carteis... para que a acción tivese o maior alcance posible e non pasase desapercibida para ninguén”, manifestaron.

PUBLICIDADE