A iniciativa multimedia Pont-e xa ten relevo

venres, 24 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O bo da Rede é que tamén é posíbel ocupar espazos inactivos e recuperalos. Igual que se fosen centros sociais, vivendas ou espazos deportivo-culturais. Isto precisamente é o que veñen de facer coa plataforma multimedia Pont-e as/os integrantes dun grupo estudantil vinculado a Publicidade e Relacións Públicas, no Campus de Pontevedra. Así nolo conta a Universidade de Vigo na súa web, onde se detalla a presentación, este xoves na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da cidade do Lérez, do rexurdimento do grupo social con sede en Facebook coñecido como Pont-e, posto en marcha en 2009 polo alumnado de cuarto curso de Deseño Multimedia.
A comunidade en liña, que xa conta con 3.000 seareiros, veu da man da docente Isabel Suárez, que con esta iniciativa quixo habilitar unha experiencia formativa de valor, ao abeiro das redes sociais, que fose como un adestramento previo á saída ao mercado laboral. Agora, Pont-e está nas mans dun novo grupo de estudantes, comprometidos, segundo fixo saber o voceiro do grupo, Yago Rodríguez, con impulsar a plataforma como experiencia de unión e de procura do ben común para estudantes, futuros profesionais e cidadanía en xeral. De feito, a solidariedade e o compromiso con quen menos ten, tal e como se ten amosado claramente ao longo da andaina de Pont-e, seguirá a ser un dos obxectivos primordiais. A intención, a maiores, é ir “abandonando a protección da facultade para gañar presenza na cidade e que nos coñezan como un grupo creativo multimedia”, engadiu.
A profesora Isabel Suárez, pola súa parte, salientou que a iniciativa cada ano se volve máis complexa polo xurdimento de novas ferramentas dixitais que, “aínda que non se empreguen todas, os docentes temos que dar a coñecer e ensinar a usar aos futuros profesionais”.

PUBLICIDADE