O fundador de Menéame muda o seu blog ante unha posible censura

xoves, 25 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Galli durante unha das súas intervencións públicas

Ricardo Galli, creador de Menéame (plataforma que ten en Chuza! a súa versión galega), é o protagonista dunha nova polémica ó redor da liberdade de expresión que nos pode lembrar ó acontecido nos pasados días con Aduaneiros Sem Fronteiras, pois o pasado mércores recibiu unha chamada da rectora da Universidade das Illas Baleares solicitándolle que eliminase unha anotación do seu blog porque recibiran unha notificación particular ameazando con iniciar accións legais contra a Universidade (pois o blog estaba hospedado nos seus servidores), polo que, ante a acción censora, Galli tomou a decisión de deixar de actualizar o seu blog no servidor da UIB e estrear un novo blog no que se pode acceder ós contidos dos que pedían a súa eliminación.
Esta decisión de Galli non se tomou á forza, senón que pretende evitar problemas á súa Universidade, pois non tiña pensado eliminar entradas do seu blog totalmente fundamentadas porque molestasen ó obxecto das súas críticas. Na explicación do peche do seu blog na UIB deixa claro que a lei está da súa parte e ratifica a súa posición no tocante ós contidos que se querían vetar, pois se trataban dunha denuncia dun suposto Observatorio de Internet, no que o seu pretendido director se dedica a realizar declaracións sensacionalistas á prensa e Galli o deixa quedar en evidencia coa simple análise da agora desaparecida web do Observatorio (dende a que mesmo se practicaba link farming).
O supostamente ofendido era F. Canals Carreras, quen leva dende 2002 estudando fenómenos relacionados coa delincuencia na Rede e pretendendo ser un pioneiro coma investigador de Internet profesional. Canals mesmo anunciou que para os vindeiros meses vai publicar informes sobre as estafas educativas en Internet, seitas e sociedades secretas na Rede, roubos de identidade e secuestros en liña express... e mesmo prepara o Libro Vermello do Cibercrime. Resulta doado entender así a qué se dedica o comunicador que pretende eliminar da Rede a crítica de Galli, quen pola súa banda insta ós xornalistas a investigar as súas fontes, dado que a credibilidade de Canals é algo sumamente discutible a tenor do que se pode atopar sobre o seu Observatorio na Internet.

PUBLICIDADE