O blogue Aduaneiros Sem Fronteiras bota o peche

martes, 16 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O blog satírico Aduaneiros Sem Fronteiras, que vén dando guerra dende marzo de 2004 botou o peche esta semana por mor da reacción a un dos deseños que publicaran sobre a poeta Yolanda Castaño baixo o título Tu Quoque Iolanda? e que provocou a recepción dunha «ameaza de demanda xudicial por delitos de inxurias con publicidade» subscrita por D. Pablo Carvajal de la Torre, representante legal da que se chegara a considerar como a musa do Blogomillo.
Dende Aduaneiros cuestionáronse se pagaba a pena continuar a facer humor gráfico en Galicia para desenvolver unha autocrítica do país, tralo que decidiron que o peche da súa web era o máis coherente para non ter que continuar a actividade baixo a constante coacción xudicial.

A polémica imaxe de Yolanda Castaño emulando a Bruto

O deseño que levou a esta polémica era un simpático xogo que emulaba ós recortables de bonecas (nos que se lles pode elixir entre distintos modelos de roupa en papel para vestir ós manequíns bidimensionais) ó redor da figura de Yolanda Castaño, a quen se lle podían colocar distintas prendas, entre as que destacaba unha túnica ensanguentada e un puñal, que eran os elementos que daban o título á escena (Tu Quoque Iolanda?), pois se pretendía establecer un paralelismo entre a traizón de Bruto a Julio César (ante a que o Emperador romano dixera aquilo de Tu Quoque, Bruto?) e o feito de que Castaño aceptara o seu posto como directora da Galería Sargadelos mentres os actuais responsables do ente eran detractores da figura de Isaac Díaz Pardo.
Parece así que a busca dunha musa para o Blogomillo vai ter que volver a comezar, dado que o incidente que levou ó peche voluntario de Aduaneiros podería ensombrecer a imaxe pública da poeta, máis coñecida actualmente pola súa labor como presentadora dun concurso da TVG.

PUBLICIDADE