O estudo de videoxogos GRIN bota o peche

mércores, 12 de agosto do 2009 Marcus Fernández

No mes de maio comentamos que os estudos GRIN estaban a reestruturarse, de xeito que algunhas das súas oficinas como a de Barcelona (na que desenvolveron o xogo Wanted: Weapons of Fate) poderían perigar, pero finalmente a situación foi peor do previsto, e GRIN anunciou oficialmente o seu peche, por enfrontarse a problemas de liquidez ante os retrasos nos pagamentos de moitos dos seus editores, chegando á súa fin esta aventura de 12 anos na que produciron títulos coma Ballistics, GRAW 1 & 2 e Bionic Commando Rearmed, aínda que serían as súas últimas creacións, Bionic Commando e Terminator: Salvation as que arrastrarían á compañía á súa fin, pois pese a ser títulos baseados en franquías de éxito, non acadaron o nivel de calidade suficiente como para ser ben recibidos polo mercado, e nin o acompañar a unha estrea cinematográfica na súa estrea serviu para mellorar os resultados económicos de GRIN.
Pero o sector dos videoxogos é moi dinámico, e boa parte dos traballadores de GRIN xa atoparon traballo en compañías coma Outbreak Studios (fundada por un ex traballador de GRIN e que centrarase na creación de xogos descargables para distintas plataformas).

PUBLICIDADE