O dominio .gal será unha realidade en 2014

luns, 17 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A presentación da aprobación do .gal por parte de ICANN realizouse no Instituto Rosalía de Castro en Compostela

O pasado venres foi un día histórico para a Internet galega porque ICANN publicou a súa actualización semanal de resultados de avaliación de candidaturas para novos dominios de primeiro nivel para a Internet, figurando entre as 720 candidaturas que superaron a avaliación inicial o noso desexado .gal, o que supón que a primeiros de 2014 poderemos contar cun dominio para a lingua e a cultura galegas que dea unha maior proxección a Galicia no mundo.
Para dar conta desta conquista froito de máis de 7 anos de traballo por parte da sociedade galega en xeral, a Asociación PuntoGal convocou unha ronda de prensa o pasado sábado no Instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela, enclave considerado moi representativo para este tipo de anuncios (pois está frecuentado pola mocidade e destacou no seu día por ser o primeiro instituto compostelán no que se impartiron clases de Informática), nun acto no que o presidente da entidade, Manuel González, manifestou a súa satisfacción por ter superado as esixencias de ICANN para que sexa posible que o sufixo .gal lembre ao mundo a existencia dunha “comunidade que se chama Galicia e unha lingua que se chama galego”.

Manuel González manifestou a súa satisfacción por ter subido este chanzo de cara a facer realidade o .gal

González fixo un repaso da historia da Asociación, nacida como unha entidade integradora dos distintos ámbitos sociais, tanto do interior de Galicia coma da Galicia exterior: o mundo da cultura, as Universidades, as empresas... procurando evitar todo tipo de partidismos e logrando tamén a colaboración e o compromiso de todas as forzas políticas.
Durante este percorrido participouse nas xuntanzas internacionais da ICANN, para dar a coñecer entre os seus membros a existencia dunha lingua e cultura propias de Galicia, para convencelos da necesidade dun dominio .gal, facéndolles entender que a nosa lingua non só ten carácter oficial no noso territorio, senón que tamén goza de presenza fóra da comunidade autónoma. Para perseguir este obxectivo uníronse forzas con outras candidaturas lingüísticas e culturais, constituíndo un grupo de traballo (ECLID) no que tamén participaban vascos, escoceses, bretóns e galeses, para facer así forza en conxunto, o que está a dar os seus froitos pois Bretaña xa conseguiu o seu .bzh o mes pasado e o dominio .eus confirmouse ao mesmo tempo que o .gal.
Pero, aparte de facer presión ante ICANN, a Asociación PuntoGal tamén realizou un labor de cara á comunidade galega, realizando distintas campañas de concienciación para dar a coñecer á sociedade as vantaxes de contar cun dominio propio, buscando apoios individuais (sumando 12.835 a través da súa páxina web) e de entidades (114) e buscando apoio político (conseguindo que os gobernos galegos, os partidos políticos, os grupos parlamentarios galegos e mesmo o goberno do Estado manifestasen o seu respaldo á iniciativa).

Ao acto de presentación acudiron numerosos medios de comunicación para dar conta deste fito histórico para a lingua e a cultura galegas

Pero tras todos estes traballos iniciais, a candidatura galega adiouse moitos meses por mor de numerosos atrancos por parte de ICANN para recibir candidaturas para novos dominios da Internet, pois quixeron establecer un mecanismo regulado para converter este tipo de solicitudes nun proceso estándar, de aí que pese a ter moito avanzado dende 2006, non foi ata maio de 2012 cando puido darse por presentada a candidatura galega da que por fin temos resposta afirmativa, para o que tamén fixo unha grande contribución a Administración galega, nos últimos tempos a través da AMTEGA, facilitando os recursos económicos que fixeron posible presentar a candidatura galega, aínda que cómpre destacar que o novo dominio galego non pretende manterse grazas a financiamento público, senón que busca ser sustentable por si mesmo e incluso xerar beneficios que poidan reverter na sociedade galega a través de programas que fomenten o galego nas TIC.
Agora que xa estamos na recta final para que o .gal sexa unha realidade, González quixo destacar as moitas vantaxes que terá o contarmos cun dominio de noso, pois permite reivindicar as nosas lingua e cultura na Rede mediante o uso de tal sufixo, incremente a cohesión da sociedade galega, facilitará a localización de información relacionada co galego e a nosa cultura (o que incluso poderán aproveitar os buscadores de Internet para unha clasificación máis eficaz dos contidos en galego), boa parte dos ingresos económicos realizados pola compra de dominios de Internet volverán á nosa comunidade, contribuirá ao desenvolvemento das TIC en Galicia e permitiranos ter unha voz en certos organismos que gobernan a Internet. O presidente da Asociación quixo destacar que “o futuro do noso país en Internet é o futuro do noso país en moito máis que Internet, porque Internet significa moitas máis cousas que a propia informática, a propia Rede. Internet significa a comunicación, significa a visibilidade ao mundo enteiro. Eu creo que un país que non teña visibilidade en Internet, unha cultura que non teña visibilidade en Internet, ten un futuro moi negro”.

Manuel González considerou imprescindible para Galicia o ter visibilidade na Rede

A Asociación PuntoGal entra agora nun proceso de varios meses no que asinar o contrato de delegación do novo dominio coa ICANN, o establecemento da normativa que regulará o funcionamento do novo dominio (como a elaboración dunha listaxe de nomes problemáticos que deben de ser excluídos como nomes de dominio), o establecemento dun proceso de reservas prioritarias... pasos que levarán a que en 2014 sexa posible abrir o rexistro de identificadores co sufixo .gal ao público xeral, aínda que antes os propietarios de marcas rexistradas, as entidades públicas e que traballen a prol do idioma, así como os propietarios de marcas internacionais inscritos na Trademark Clearinghouse, poderán reservar os seus dominios como unha medida preventiva, evitando así os casos de cybersquatting que durante moito tempo ensombreceu aos dominios de Internet máis empregados.
Nos vindeiros meses realizaranse distintas campañas de comunicación para dar a coñecer os prazos nos que cidadáns, entidades e empresas da nosa comunidade poderán realizar os seus rexistros baixo o novo dominio de primeiro nivel, que espera recibir milleiros de solicitudes durante o primeiro ano, converténdose nun referente para a nosa comunidade na Rede.

Parte da xunta directiva da Asociación PuntoGal, xunto con Susan Reynolds e Manuel Vilas, traballadores da entidade que fixeron un labor inestimable para a superación deste reto por parte da sociedade galega

PUBLICIDADE