ICANN aproba o dominio .gal para a lingua e a cultura galegas

venres, 14 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Manuel González presentará mañá os detalles da aprobación do dominio .gal

Este sábado ás 12:00 horas presentarase no claustro do I.E.S. Rosalía de Castro en Santiago de Compostela os detalles da aprobación da candidatura do dominio de primeiro nivel para a lingua e a cultura galegas presentada pola Asociación PuntoGal ante ICANN (tal e como xa figura na páxina web do organismo internacional), encargándose o presidente da Asociación, Manuel González González, de comunicar este logro histórico conseguido grazas ao apoio unánime da sociedade galega.
Estamos ante un grande momento para Galicia e a súa presenza na Internet, pois tras máis de 7 anos de traballo conseguiuse que o organismo internacional que xestiona os dominios de Internet, ICANN, atendese ás demandas da nosa comunidade cultural e lingüística para ter un sufixo que nos identifique na Rede, o .gal, para o que presentáronse máis de 12.000 apoios cidadáns, contouse coa adhesión de máis de 110 entidades representativas da nosa sociedade e contouse co apoio da Administración autonómica con independencia da súa cor política, deixando claro que estamos ante un obxectivo considerado moi positivo de xeito unánime.
Para contribuír á finalización deste proceso, a Xunta fixo unha importante achega económica para poder satisfacer os custos de matrícula e o aval esixidos pola ICANN para poder presentar a candidatura galega pero cómpre destacar que esta iniciativa non busca dependencia económica da Administración, senón que ten como vocación ser auto-sustentable, de xeito que os cartos ingresados da comercialización dos dominios .gal empregaranse para manter este servizo e, os beneficios que poidan producirse destinaríanse para organizar actividades para fomentar o galego e as TIC, pois a entidade que administrará o novo dominio de primeiro nivel carece de arela de lucro.
Procuraremos dar máis detalles do logro conseguido tras a súa presentación oficial.

PUBLICIDADE