O director do programa para desenvolvedores de Google España visitará Galicia a semana que vén
xoves, 27 de febreiro do 2014
Durante o mes de marzo o Grupo
de Desenvolvedores de Google de Vigo (GDG Vigo) organiza unha serie de
eventos para tirar proveito da visita dun invitado de auténtico luxo, Andrés
Leonardo Martínez Ortiz, Developer Program Manager de Google España, que
durante un par de días participará en distintos encontros celebrados nas
cidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
Por unha banda, Andrés Leonardo Martínez presentará os programas de Google para
universidades, así como o papel dos desenvolvedores na formación dos futuros
profesionais do sector da informática, aproveitando a súa intervención para
presentar a plataforma App Engine e a linguaxe de programación para solucións
na nube Go. O primeiro destes encontros será o 5 de
marzo ás 10:30 horas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo,
mentres que o
día seguinte ás 12:30 horas será a Escola Técnica Superior de Enxeñaría en
Santiago de Compostela a que celebrará esta actividade divulgativa.
Ás 19:00 horas do día 5 de marzo o Developer Program Manager de Google España
visitará o Club Financeiro de Vigo para impartir un relatorio
baixo o título de Let’s teach them to
fail!, no que revisará os principais modelos de negocio e as métricas
que serven para a súa avaliación á hora de desenvolver empresas tecnolóxicas.
Estes encontros son de acceso libre e de balde ata completar aforo, pregándose
a inscrición previa nos seus eventos en Google+.
Tamén está previsto que Andrés Martínez visite a cidade da Coruña co gallo da
presentación da plataforma de profesionais SociedadeNet.org cunha charla na
Facultade de Informática o día 6 ás 16:30 horas na que tamén participará
HostXBTC para falar do minado de BitCoin e o seu uso en comercio electrónico.
- Andrés Leonardo Martínez Ortiz é o Developer Program Manager de Google España