O creador dun piano de cartón para iPad, molesto con Nintendo

xoves, 25 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

En abril Nintendo promete revolucionar o xeito de xogar coa Switch a través duns accesorios de cartón que deron en chamar Nintendo Labo, e que no caso do seu primeiro lote, o Toy-Con 01 Kit Variado, permite cinco obxectos, sendo un dos máis rechamantes un piano, o que parece ter ofendido a Reo Nagumo, profesional con certa relación co mundo dos videoxogos (contribuíu na face artística do Beatmania de Konami), pois dende a súa compañía YUDO está a traballar dende hai cousa dun ano no KAMI-OTO, un teclado de cartón para o iPad, que dende hai poucos días que busca financiamento a través de Kickstarter.
Aínda que Nagumo leva bastante tempo amosando o seu produto nunha fase inmatura, deixar caer que Nintendo plaxiou a súa idea non parece xustificado, pois existen numerosos desenvolvementos semellantes dende hai anos, para animar ás mentes inquedas a crear produtos interesantes valéndose de produtos tan accesibles e económicos como o cartón (por exemplo, na web podemos atopar deseños dun piano de cartón baseado en Arduino, publicados en 2016).
Reivindicar a orixinalidade dun produto que non é orixinal non parece algo moi produtivo, agás que o obxectivo buscado sexa simplemente protexer o seu produto ante posibles medidas contra o mesmo por parte de Nintendo, compañía que non sería a primeira vez que se enfronta xudicialmente a algunha empresa de pequenas dimensións.

PUBLICIDADE