O creador de X-COM busca financiamento en Kickstarter para un novo xogo

luns, 17 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Julian Gollop, creador da popular saga de videoxogos de estratexia X-COM de MicroProse, quere recuperar Chaos: The Battle of Wizards, xogo que lanzara para ZX Spectrum en 1985, para o que iniciou un proxecto en Kickstarter para facer realidade en maio de 2015 Chaos Reborn, unha mestura entre secuela e re-imaxinación do xogo orixinal cunha presentación gráfica de alta calidade, pero mantendo o sistema de combates máxicos no que invocar a criaturas míticas e realizar distintos feitizos de defensa e ataque. Gollop pretende enriquecer a experiencia ofrecendo modos multi-xogador, un sistema RPG para un xogador e un modo cooperativo.
Actualmente xa teñen un prototipo de multi-xogador operativo, coa terceira parte dos feitizos implementados e boa parte dos deseños completos (aínda que coas criaturas aínda sen animar), de xeito que este proxecto non debería ter moitos problemas en converterse nunha realidade, posto que non busca financiamento para desenvolverse dende cero, senón para ter un acabado de calidade.
Chaos Reborn quere ofrecer combates por quendas con batallas duns 10-30 minutos, 80 feitizos únicos (incluíndo 24 criaturas animadas co motor 3D Unity), areas de combate xeradas proceduralmente en 3D e varios modos de xogo. Os mecenas que apoien este proxecto poderán facerse co xogo con achegas de a partir de 20 dólares e é de agardar que completen o financiamento básico en breve, pois antes de rematar as primeiras 24 horas desta campaña xa tiñan superada a cuarta parte da cantidade que buscan xuntar.


Vídeo promocional do proxecto en Kickstarter

PUBLICIDADE