O crackeo da PS3 provoca a aparición de xogadores trampóns

martes, 18 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

A aparición de métodos para empregar xogos non autorizados na PlayStation 3 está a ter múltiples consecuencias que non afectan só ao volume de vendas de xogos, senón que comezan a estragar a experiencia de xogo en iiña, e dende os foros de Infinity Ward xa advirten que no seu xogo Modern Warfare 2 apareceron xogadores tramposos que modifican o título na súa consola para prosperar ilexitimamente no xogo, o que segundo o estudo de desenvolvemento é imposible de erradicar totalmente mediante actualizacións do xogo, polo que a única opción actual é denunciar ante Sony aos usuarios trampulleiros (para expulsalos do seu sistema de xogo en liña, como tamén fai Microsoft coas consolas Xbox 360 modificadas).
Dende Infinity Ward aseguran que este problema só se aplicaría a xogos actuais (coma Modern Warfare 2 e Call of Duty 4) pero non a títulos futuros, pois reforzarán a seguridade das súas obras para evitar problemas semellantes, como parece que conseguiu a xente de Treyarch co Call of Duty: Black Ops (xogo que por outra banda está repleto de fallos na súa versión de PS3, existindo incluso unha petición por parte de máis de 17.000 usuarios desta plataforma que piden a devolución dos cartos por sentirse aldraxados polos numerosos problemas que presenta Black Ops na consola doméstica de Sony).

PUBLICIDADE