O conselleiro de Economía e Industria abriu na Coruña o primeiro Salón Internacional de Tecnoloxía

mércores, 17 de novembro do 2010 Redacción

Na apertura do primeiro Salón Internacional da Tecnoloxía (SITE 2010) que ten lugar en EXPOCoruña, durará ata mañá e contará coa presenza de 281 congresistas, Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria fixo un balance dos avances da Consellería de Economía e Industria no eido da e-Administración, no que salientou o feito de que dende o Instituto Galego de Promoción económica «unha porcentaxe superior ao 60% dos expedientes non cheguen a ter nin un só papel». Javier Guerra, destacou a axilización da xestión administrativa que se está a desenvolver no departamento que dirixe, grazas ao uso das novas tecnoloxías, na inauguración do primeiro Salón Internacional da Tecnoloxía (Site 2010), en EXPOCoruña.
O conselleiro explicou que «o Goberno galego traballa para xerar un contexto no que as novas tecnoloxías da comunicación sexan un elemento cotián dentro de todas as empresas, independentemente do seu tamaño» e lembrou que «actualmente a totalidade das axudas do IGAPE poden solicitarse de forma telemática e tramítanse mediante firma electrónica». Este sistema ten permitido pasar dun tempo de autorización que, con anterioridade ao 2009 podía prolongarse até un mes, aos 2-3 días actuais.
Ademais, salientou que un 95% dos expedientes de axuda (2009-2010) puxéronse en marcha a través de cuestionarios da oficina virtual e que cos servizos dos que dispón IGAPE, en todas as cidades galegas, foi posible crear telemáticamente 238 novas empresas baixo a fórmula xurídica de Sociedade Limitada Nova Empresa ou Sociedade de Responsabilidade Limitada, nunhas 48 horas de media, durante esta lexislatura.
Para finalizar, o Conselleiro apuntou tamén que «dende a Dirección Xeral de I+D+i estase a promover a tramitación electrónica de todas as liñas de axudas, en materia de innovación, facilitando unha Plataforma Telemática cada vez máis optimizada, dirixida a minimizar os tempos de resposta e a maximizar a axilidade na presentación e seguimento das axudas».

PUBLICIDADE