O concepto dun portátil de dobre pantalla quere levarse á práctica

venres, 11 de xullo do 2008 Marcus Fernández

O Canova 2 podería ser o xornal do futuroV12 Design creou un deseño conceptual do que podería ser un novo modelo de ordenador portátil supostamente revolucionario (aínda que lembra ao XO-2 que pretenden lanzar dende o proxecto OLPC para 2010) pois substituiría o teclado por unha pantalla táctil, de xeito que cambiaría o xeito de entender o dispositivo, converténdoo nunha fusión entre un portátil (mediante un teclado virtual), un xornal (ou un libro) e unha libreta (pois se podería empregar unha pluma ou lapis na súa pantalla táctil, dun xeito semellante a como se fai cunha Nintendo DS).
Segundo parece, dende V12 Design están realmente a traballar en converter o concepto (que tería definido hai 4 anos) nunha realidade. Os primeiros equipos pensados pola compañía respondía ao nove de Canova, e xa contaba con 2 pantallas táctiles pero se trataría dun dispositivo moi básico que funcionaría coma lector de xornais electrónicos e como interface de debuxo e escritura, mentres que agora están a dirixir os seus esforzos a convertelos en ordenadores portátiles completos que poderían chegar a comercializarse nuns 16 meses.
Dende V12 Design tamén pensan en incorporar micrófono ao equipo coa esperanza de que o recoñecemento de voz gañe popularidade nos vindeiros anos.

Un teclado virtual podería facer que o uso do equipo fose coma o de calquera outro portátil

O equipo podería empregarse dun xeito semellante ao da Nintendo DS

PUBLICIDADE