Negroponte presenta o que será o XO-2

mércores, 21 de maio do 2008 Marcus Fernández

As pantallas táctiles do XO-2 poden funcionar de xeito independente

O proxecto OLPC tardou anos en converter nunha realidade o portátil XO-1 (que aínda ten moitos problemas para chegar ao seu público obxectivo) e xa se adiantan a presentar o que será o vindeiro modelo orientado para os nenos de países en vías de desenvolvemento, o XO-2, que chegaría en 2010, e incluiría dúas pantallas táctiles que serían lexibles en exteriores e que tería un prezo final de 75 dólares (cando o XO-1 aínda está lonxe de conseguir o prometido prezo de 100 dólares).

Unha das pantallas do XO-2 pode funcionar a xeito de teclado virtual

O propio Nicholas Negroponte foi quen anuncio os novos portátiles para os cativos, aínda que os detalles sobre as súas especificacións técnicas son todo un misterio, de xeito que só coñeceriamos os seus detalles externos, que se poden ver nun vídeo e en varias imaxes.

Empregar o XO-2 a xeito de libro podería ser un dos seus usos máis prácticos

O XO-2 tería un tamaño máis reducido que o XO-1 e o seu consumo podería chegar a ser de só 1 vatio, aínda que o seu concepto é o que parece máis revolucionario, xa que tería dúas pantallas táctiles independentes, de xeito que unha delas podería converterse nun teclado virtual (o que faría doada a súa adaptación a distintas linguas ou a nenos de distintas idades). Tamén se podería agarrar o equipo coma se fose un libro, de xeito que ambas pantallas amosarían contidos para a súa lectura.


Negroponte presentou o futuro portátil do proxecto OLPC

Aínda que o XO-2 pareza unha boa ferramenta, está por ver se chega a ser unha realidade, e non se adiantan outras empresas a lanzar equipos semellantes, como xa pasou co XO-1, que apenas vendeu unidades, mentres que os Classmate PC e os Asus Eee están a acadar un éxito importante a nivel mundial.

PUBLICIDADE