O clásico de animación Fantasia inspira un novo xogo de Kinect

martes, 4 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Disney Interactive anunciou hoxe Fantasia: Music Evolved, xogo musical inspirado no clásico de animación Fantasía que estará dispoñible tanto para a futura Xbox One como para Xbox 360 con Kinect, e que está a ser desenvolvido por Harmonix, estudio detrás de franquías como Rock Band e Dance Central, o que é toda unha garantía para os que gusten dos xogos de ritmo.
Fantasia: Music Evolved traslada aos xogadores a mundos fantásticos nos que a música e a maxia combinaranse para transformar extraordinarias paisaxes interactivas de xogos totalmente novos e creativos. Para facer tal entraremos no mundo máxico de Fantasia, no que o lendario feiticeiro Yen Sid tomaranos como aprendices para desenvolver a nosa destreza máxica e musical.
Ao estarmos ante un xogo de Kinect, o control será o propio corpo do usuario, permitindo uns movementos naturais e fluídos, que servirán de acompañamento a 25 temas musicais que poderemos mesturar maxicamente (no que ten toda a pinta de ser un DJ Hero sen mandos). Entre os temas musicais confirmados están Levels de AVICII, Locked Out Of Heaven de Bruno Mars, Some Nights de Fun, Settle Down de Kimbra e Bohemian Rhapsody de Queen. O expositor de Disney Interactive no E3 permitirá probar este interesante título.


Trailer de presentación de Fantasia: Music Evolved

PUBLICIDADE