O canon dixital, o copyright e a propiedade do software libre, a debate na USC

xoves, 26 de xuño do 2008 Raquel Noya

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela vai acoller, do vindeiro 14 ao 18 de xullo, o curso A canonización do mercado inmaterial. A mercantilización do coñecemento, de 30 horas de duración e convalidable por dous créditos de libre configuración para os estudantes das tres universidades galegas que asistan.
Ao longo dos catro días de duración, os responsables destas xornadas poñerán a debate o proceso de mercantilización dos bens materiais e o seu cuestionamento dende diferentes ópticas e tratarán de afondar e reflexionar sobre as diversas problemáticas que atinxen á regulación deste tipo de produtos. Neste senso, os relatores convidados tratarán aspectos relacionados coa apropiabilidade do coñecemento derivado da actividade investigadora, o software libre, o canon dixital, o copyright ou os royalties. O obxectivo é, en definitiva, analizar cara que modelo de sociedade da información e do coñecemento estamos a camiñar no que atinxe á regulación destes aspectos que se relacionan co funcionamento do mercado dos bes inmateriais.
O prazo para inscribirse nestas xornadas estará aberto ata o vindeiro 4 de xullo e, ao igual que os demais cursos ofertados pola USC para este verán de 30 horas ou máis de duración, o prezo da matrícula é de 70 euros para estudantes de calquera universidade, persoas desempregadas e PDI e PAS da USC. A tarifa xeral normal é de 120 euros.
A matrícula pódese formalizar a través desta ligazón ou ben achegándose persoalmente á Vicerreitoría de Cultura, no Colexio de San Xerome en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE