O cambio de rumbo de Spotify cara ao modelo de pago dálle azos aos servizos alternativos

mércores, 4 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Para os que lle damos uso, o Spotify non é que sexa unha solución a tódalas nosas demandas musicais, pero tiña un par de cousas boas que non se podían de deixar de lado. A principal: contribúe a facer legal o ilegal. Ou sexa, que nos deixaba escoitar música gratis a cambio de cuñas de publicidade máis ou menos razoables que, imaxinamos, repercutirán positivamente na economía dos músicos e das discográficas de toda índole. Isto era así até hai ben pouco, pero semella que a billa se pecha. Ante esta situación, con Spotify facéndose cada vez máis restritivo e de pago, cómpre non desesperar. Segundo se nos conta na Rede, hai unha chea de portas nas que petar.
A transformación última de Spotify, anunciada xa en abril, comezou formalmente este 1 de maio. O servizo pasa a ter novas limitacións no que se refire a horas de escoita, xa aplicables a quen se deu de alta ao longo dos últimos doce meses, con só 20 horas de música ao mes, dispoñendo de tempo ilimitado quen se rexistrara previamente.
Cos novos cambios de rumbo, a conta de balde e sen restricións convértese nunha conta de balde con 10 horas mensuais e un límite de 5 reproducións para cada tema musical. Con todo, e para enlealo todo aínda máis, os usuarios que se deran de alta logo do 1 de novembro de 2010 disporán de seis meses para empregar o Spotify como era nun principio. A conclusión que podemos tirar de todo isto é que o choio vai rematando e que se non queremos pagar cota (con Spotify Premium ou Spotify Unlimited), mellor acudir a outros servizos. A compañía xustifica este cambio da rumbo na necesidade de obter ingresos e de compensar ás discográficas coas que mantén acordos. Polo que se nos conta en xornais en liña como 20Minutos, alternativas hai de abondo: programas cen por cen de balde que achegan o mesmo, polo menos dende un punto de vista formal, aínda que dubidamos que teñan un fondo discográfico tan amplo como Spotify, onde a non ser que foramos auténticos doentes das rarezas musicais, estabamos en disposición de atopar de todo.
As alternativas que se recomendan son as seguintes: Musicuo (servizo cun deseño semellante aos de iTunes e Spotify e que subministra un buscador de cancións e discos, con opcións de listaxes de reproducións, entre outras cousas), Grooveshark (servizo lanzando en 2007 moi ben considerado entre a comunidade de internautas e cunha base de datos que abrangue millóns de cancións, non esixe rexistro e tamén achega listaxes de reprodución para compartir) ou Volwave (un recurso musical aínda en probas, requiríndose convite previo, pero con potencial de abondo como para satisfacer aos seareiros da música; dise deste servizo que será o reemprazo do Spotify).

PUBLICIDADE