O asasino en serie máis popular da televisión terá xogo para o iPhone

mércores, 4 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O acelerómetro permitirá cortar ás vítimas de Dexter

Estamos afeitos á adaptación de películas na forma de videoxogos, pero tamén as series de televisión poden vivir esta mutación, e Dexter (a serie de Showtime protagonizada por Michael C. Hall, non confundir coa de animación de Cartoon Network, El Laboratorio de Dexter) foi a elixida por Marc Ecko Entertainment para un novo título para o iPhone e o iPod Touch, sorprendendo que unhas aventuras tan violentas (Dexter é un asasino en serie) conte cun videoxogo para un dispositivo móbil (nos que predominan os xogos para todos os públicos).
O xogo contará con puzzles, minixogos e elementos tácticos de sixilo, á vez que aproveitará o acelerómetro do iPhone para as escenas nas que Dexter deba cortar ás súas vítimas. Estas aventuras nunha pantalla aínda máis pequena que na do produto orixinal están escritas por un dos guionistas da serie, Timothy Schlattmann, e incorporarase á App Store o vindeiro verán.

PUBLICIDADE