O ano que vén poderiamos ter unha versión económica das Meta Quest 3

luns, 9 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Mañá é o día no que chegan ao mercado as novas Meta Quest 3, unhas lentes que prometen ser as primeiras en achegar a realidade mixta ao grande público, grazas principalmente o seu prezo no contorno dos 550 euros, moi por debaixo dos máis de 4.000 euros que poderían custar as Vision Pro de Apple cando cheguen a Europa nalgún momento de 2024 (coa posibilidade de que nin sequera cheguen a España até o ano seguinte), pero analistas como Mark Gurman aseguran que ese prezo fai que aínda as Quest 3 sexan pouco asumibles, o que levaría a que o ano que vén Meta lance unha versión económica das Quest 3.
As versión barata das Quest 3 podería empregar compoñentes máis económicos, aínda que o elemento que podería ser crucial para reducir o seu prezo serían os mandos incluídos, dos que podería prescindir para apostar polo control coas mans (como fan as Vision Pro) e poder entenderse así como un dispositivo máis afastado dos xogos como é o visor actual, polo que podería orientarse máis á produtividade e, moi especialmente, ao consumo de contidos de xeito inmersivo.
Lembremos que esta tecnoloxía podería ligarse con teclados e ratos para operar como se estivésemos ante un ordenador, ou tamén cun mando de Xbox para poder gozar do xogo na nube sen necesidade de consola, de aí que omitir os mandos non sería traumático para moitos consumidores.

PUBLICIDADE