Amosan as posibilidades das novas Meta Quest 3

mércores, 27 de setembro do 2023 Marcus Fernández

A presentación de apertura do encontro Meta Connect 2023, no que estaba previsto que se desen detalles sobre o lanzamento do visor de realidade estendida Meta Quest 3, converteuse en moitos máis, ao aproveitarse para anunciar tamén unha nova versión das lentes conectadas da marca comercializadas en colaboración con Ray-Ban e para dar conta de novas experiencias que fará posible a intelixencia artificial nos distintos produtos e servizos da compañía de Mark Zuckerberg.
O prato forte do evento eran claramente as novas Meta Quest 3, que aspiran a converterse no visor de realidade mixta para todos, ou sexa, que ofrecerá numerosas posibilidades para o lecer, a interacción social e a produtividade a un prezo asumible (en España terán un prezo de 549,99 euros en contraste coas Apple Vision Pro, que poderían superar os 4.000 euros e aínda non se sabe se chegarán ao noso mercado en 2024).
O produto está xa dispoñible en reserva a un prezo de 549,99 euros para a versión con 128 GB de almacenamento interno, mentres que a versión con 512 GB de capacidade custará 699,99 euros. Prevese que chegue ás tendas a partir do 10 de outubro. Temos así un visor cun prezo moi superior ás Meta Quest 2, pero iso é porque conta cun procesador Qualcomm Snapdragon XR2 Gen2 que dobra a potencia gráfica do modelo anterior, contan con 8 GB de RAM (o que supón un incremento do 33%), a resolución de pantalla medra preto do 30% até chegar aos 2.64 x 2.208 píxeles por ollo, as novas lentes pancake ofrecen unha maior nitidez, o visor é máis compacto, cun perfil óptico un 40% máis fino e o seu peso limítase a 515 gramos. Unha serie de melloras que fai que esteamos ante un produto incluso superior ás Meta Quest Pro (que saíran á venda o ano pasado a un prezo de 1.799,99 euros), e que complétanse cun controladores Meta Quest Touch Plus que, aparte de ser máis cómodos, integran tecnoloxía háptica, o que mellora o realismo das experiencias.
Para conseguir experiencias de realidade mixta, as Meta Quest 3 contan con 2 cámaras en cor e un proxector de profundidade, permitindo así ver o noso contorno co visor posto.
O dispositivo ten unha autonomía media de 2,2 horas, aínda que para o consumo multimedia podería chegar até as 2,9 horas, polo que sería máis que dabondo para a meirande parte de usos sen ter que recorrer a baterías externas nin a ter que recargar o trebello. A súa conectividade Wi-Fi 6E tamén facilita que incluso poida comunicarse cun PC sen precisar de cable. Ambos elementos foron aproveitados por Mark Zuckerberg para deixar caer que esta solución é moito máis autónoma e cómoda que a que propón Apple, xa que permite librar ao usuario de cables.
Pero o hardware non é o único importante das Meta Quest 3, senón que o produto chegará con numerosas experiencias, xogos, aplicacións e servizos que permitirán empregalas de xeitos moi dispares. Por exemplo, Zuckerberg anunciou a posibilidade de poder gozar de partidos da NBA como se estivésemos a pé de pista; o incremento de potencia permite xogos cuns gráficos moi superiores; aparte dos máis de 500 xogos de realidade virtual dispoñibles, no mes de decembro será posible gozar dende o visor do servizo de xogo na nube de Xbox, polo que será posible gozar dos xogos de consolas nunha pantalla xigante virtual sen contar cunha consola Xbox na casa; o visor pode mapear o noso espazo para mesturalo co mundo virtual, o que no futuro servirá para fixar elementos virtuais no noso contorno; e mesmo estarán dispoñibles aplicacións para a produtividade como o Microsoft Office, de xeito que poderemos empregar o visor para traballar.
Tamén se deu conta de numerosas opcións de personalización, como a posibilidade de axustar a distancia interpupilar, poder engadir un espaciador no facial para acomodar lentes graduadas mentres se usa o visor (aínda que tamén será posible integrar lentes graduadas Zenni VR directamente no visor), adquirir correas e faciais diferentes (adaptándose así ás diferentes preferencias do consumidor), empregar unha correa con batería integrada (que incrementaría a autonomía en 2 horas) ou incluso un cable para poder conectar o visor a un PC se non contamos cunha rede Wi-Fi de calidade dabondo para poder empregar as Meta Quest 3 con xogos e aplicacións de VR para PC.

Vídeo promocional das Meta Quest 3

PUBLICIDADE