Novas aplicacións para a intelixencia artificial de Meta

mércores, 27 de setembro do 2023 Marcus Fernández

Nos últimos meses Meta presentou numerosas contribucións da compañía no eido da intelixencia artificial, e que agora anuncian a súa incorporación a numerosos produtos, como pro exemplo a aplicación de Llama 2 e o modelo de xeración de imaxes Emu para un creador de adhesivos mediante IA, conseguindo así que en WhatsApp, Messenger, Instagram e Facebook poidamos expresarnos cunha maior creatividade, xa que non teriamos que limitarnos aos stickers preexistentes, e poderiamos crear os nosos sen esforzo.
As aplicacións de Meta (comezando por Instagram) tamén van integrar un editor de imaxes con intelixencia artificial que permitirá aplicar estilos visuais ás imaxes, eliminar o fondo e engadir elementos mediante unha IA xenerativa, permitindo así unha chea de posibilidade ao grande público, que poderá crear imaxes máis creativas, orixinais e divertidas.
Meta AI será tamén un asistente na liña de ChatGPT que estará dispoñible en WhatsApp, Messenger e Instagram (estando previsto que tamén chegue aos nosos produtos físicos de Meta), permitindo así obter de xeito áxil e doado información que poida resultar do noso interese (de feito, funciona en colaboración con Bing) e tamén permite a xeración de imaxes.
Aínda que unha das cousas máis orixinais presentadas foi unha colección de 28 intelixencias artificiais personalizadas coas que poderase conversar mediante WhatsApp, Messenger e Instagram, e que están encarnadas por distintas celebridades, e ás que se lle deu un carácter e unhas habilidades específicas, de xeito que poden dar lugar a conversas moi diferentes. Por exemplo, o personaxe caracterizado por Snoop Dogg permite xogar con el unha partida de rol, o personaxe de Tom Brady conversa sobre deportes e o personaxe de Roy Choi comparte trucos de cociña.
Este novo tipo de chats baseados en intelixencia artificial botan a andar hoxe nos EE.UU., e irán incrementando personaxes e posibilidades nos vindeiros meses, permitindo incluso a creación de novos personaxes a persoas que non saiban programar, dando a entender que estamos ante o comezo de toda unha revolución.

PUBLICIDADE