O acordo entre Nokia e a Xunta para a galeguización dos móbiles, indefinido

mércores, 18 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Nokia, o maior fabricante de telefonía móbil a escala internacional (polo menos, así foi até hai o de agora), vén de recibir un pulo no seu compromiso coa nosa lingua en materia de servizos de telefonía móbil. Así o fixo saber hoxe mesmo o Consello da Xunta (na imaxe) tralo visto bo á renovación do convenio de colaboración que a multinacional finesa mantiña coa Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxectivo de afondar na normalización lingüística neste eido das novas tecnoloxías da telecomunicación. Esta decisión do Consello significa entre outras cousas un aval para o mantemento no tempo do devandito compromiso, que pasa a ser indefinido.
Segundo informou a propia Xunta, o convenio fixa as accións que desenvolverá a compañía para o afianzamento progresivo da nosa lingua nos produtos móbiles que distribúa dentro do noso contorno xeográfico. Amais, a empresa ratifica a súa vontade de incorporar o galego noutros produtos que comercialice no noso mercado con pantallas interactivas, nos manuais de usuario/a e nas guías rápidas que os clientes da empresa teñen ao alcance dun click (na Web) de todos estes produtos.
Polo que respecta á participación da Secretaría Xeral, dicir que o seu cometido será basicamente o de órgano consultor e asesor: apoiarase na achega lingüística na revisión terminolóxica das traducións levadas a cabo. Asemade, o departamento da Xunta garante o seu apoio a calquera acción da empresa que implique unha nova aposta pola nosa lingua no eido das novas tecnoloxías da información, favorecendo a promoción destas actividades nas canles especificamente habilitadas. Por exemplo, na web www.oteumobilengalego.com, un espazo en liña onde se fornece á comunidade internauta galega de información e recursos sobre estes produtos e servizos dispoñibles en na nosa lingua.
O acordo aprobado polo Consello da Xunta insírese nunha serie de convenios entre a Secretaría Xeral e as principais fabricantes e operadoras de telefonía móbil que prestan servizos en Galiza. Proximamente está previsto renovar os convenios con Alcatel, Motorola, Samsung, Sony Ericsson e as operadoras Movistar, Orange, R, Vodafone e Yoigo.

PUBLICIDADE