O Trivial Pursuit dixitalízase

martes, 4 de novembro do 2008 Marcus Fernández

A tenda virtual de Hasbro nos EE.UU . está a vender por 49,99 dólares o Trivial Pursuit Digital Choice que é unha orixinal evolución do popular xogo de mesa na que se substitúen os tacos de preguntas impresas en tarxetas por un dispositivo electrónico de man no que se inclúen de serie 600 preguntas (ampliables mediante descarga da Internet) que funciona con 3 pilas AAA e que non prescinde do taboleiro de xogo (pese a que poida parecer o contrario).
Ou sexa, que non estariamos ante unha versión electrónica no Trivial (iso o serían as versións en preparación do xogo para consolas e dispositivos móbiles) senón ante a evolución das tarxetas de preguntas que poderían gozar así de certa personalización grazas á posibilidade de elixir de balde entre distintos paquetes temáticos de preguntas (ata 1.800 cuestións) que se poden descargar da web para incorporar ao xogo por USB.
Agardemos que esta nova entrega do Trivial chegue tamén a España, pois as opcións de actualización son moi atractivas para un título no que abondan os xogadores que aprenden de memoria as tarxetas de preguntas.

PUBLICIDADE