O Tekken para 3DS chegará a España en febreiro

mércores, 21 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Resulta curioso que a nova consola portátil de Nintendo estea a converterse no templo dos xogos de loita, con grandes títulos como Super Street Fighter IV: 3D Edition e Dead or Alive: Dimensions, aos que anuncian que o vindeiro 17 de febreiro se unirá Tekken 3D Prime Edition, xogo de Namco Bandai que finalmente comercializará en Europa a propia Nintendo.
Tekken 3D Prime Edition para Nintendo 3DS é un achegamento ás 3D sen lentes do coñecido torneo de loita King of Iron First Tournament, o que debería achegar unha experiencia de xogo máis realista e que contará con máis de 40 personaxes dispoñibles (fuxindo das limitacións habituais das versións móbiles dos xogos deste tipo). Para redondear o produto, o xogo aproveita a conexión Wi-Fi da Nintendo 3DS e inclúe na propia tarxeta do xogo a película de animación 3D elaborada por ordenador Tekken: Blood Vengeance, que ata o momento só estaba dispoñible en disco para PlayStation 3.

Carátula do xogo para a Nintendo 3DS

PUBLICIDADE