O Sagem my901c, de novo o preferido polos clientes de Yoigo
luns, 21 de xullo do 2008
Yoigo vén de dar a coñecer o seu segundo
ranking trimestral dos teléfonos móbiles máis vendidos, un informe
que, se ben ten o seu interese dende o punto de vista cualitativo, se
cadra falla no cuantitativo, tendo en conta que a presenza do operador,
aínda que en proceso de medre, é pequena en comparación cos seus
directos competidores: Telefónica, Vodafone e Orange, que se reparten
practicamente o 98% do mercado español. Con todo, e tendo en conta
o proceso imparable de crecemento de Yoigo en parámetros concretos
como as altas rexistradas no último trimestre (Yoigo e os operadores
móbiles virtuais achéganse xa á
metade do total),
non está de máis esculcar no que máis se comercializa dende a empresa.
Neste punto, atopamos de novo no posto máis alto da clasificación
ao Sagem my901C, repetindo o lugar que ocupou durante
o primeiro trimestre do ano.
O modelo en
cuestión, informa Yoigo, consolídase deste xeito como un dos terminais
3G máis económicos e mellor vistos do mercado, “representando
claramente a filosofía de baixo custo da empresa”, sinala a operadora
nun comunicado. Logo da posición de honra do Sagem, sitúanse o LG
KU380 e máis o SGH-Z240 de Samsung, seguidos no cuarto lugar polo LG
KU250 e no quinto polo Sony-Ericsson K530i.