O SackBoy de LittleBigPlanet quere que Plutón volva a ser un planeta

xoves, 23 de outubro do 2008 Marcus Fernández

A xente de Sony quere aproveitar o panorama electoral nos EE.UU. para anunciar o seu xogo estrela LittleBigPlanet, e crean así unha orixinal campaña plasmada nunha web coa aparencia da dos candidatos á presidencia norteamericana (con chapas co lema «yes we can» que utilizaba Barack H. Obama, un banner que reza «Mavericks for change» en alusión a McCain e Palin, e incluso a tradicional frase de respaldo á mensaxe difundida que dan os políticos nas súas campañas) pero cun obxectivo moi afastado da política, xa que dá soporte a unha iniciativa para solicitar a recatalogación de Plutón coma un planeta do Sistema Solar, para o que se pode asinar unha petición.

Proposition Pluto é así unha orixinal proposta que aproveita unha causa perdida para crear unha campaña viral, e dar a coñecer ao famoso SackBoy de LitttleBigPlanet (por se non é suficientemente coñecido), así como facer rir aos que se decatan de que todo é unha broma na que xogan co feito de que Plutón é un pequeno gran planeta por ser catalogado como planeta anano pola Unión Astronómica Internacional en 2006.
Para que quede claro que todo é unha broma da xente de Media Molecule e Sony, na web se ve ao SackBoy defendendo lemas como «non á segregación na nosa constelación», participando en manifestacións a favor da readmisión de Plutón coma planeta ou como autor do libro A astronomía da esperanza.
A idea parece vir da empresa de relacións públicas Porter Novelli, e nos vindeiros días poderemos ver se funciona realmente a compoñente viral da campaña, e se alguén chega a confundir a broma cunha campaña real.

PUBLICIDADE