O Proxecto NACCE impulsa xa o tecido TIC galego-portugués con catro foros de innovación

mércores, 5 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Proxecto NACCE (Núcleo de Apoio á Competitividade e a Creación de Empresas TIC) comeza a coller corpo definitivo a semana que vén, como dixemos en Código Cero, coa celebración do Foro de Internacionalización de PEMES TIC de Galicia e Norte de Portugal, un encontro convocado en Vigo, o 13 de setembro, co obxectivo de ir abrindo novos espazos de actividade para as firmas tecnolóxico-dixitais dos dous países irmáns (firmas presentes e, tamén, futuras). O proxecto, no que participan empresas, entidades, profesionais, estudantes e docentes de ámbalas beiras do Miño, materializarase de múltiples maneiras (físicas e virtuais), pero todo arredor dunha base común: a axuda emprestada polos integrantes do Núcleo NACCE ás empresas e emprendedores do sector. O foro que se celebra o 13 de setembro é en boa medida o comezo desta materialización. Será, ademais, o primeiro dunha serie de moitos. Polo de agora, xa están programados catro.
O núcleo NACCE está composto por empresarios e emprendedores TIC de éxito, profesionais, consultores e expertos en tódalas áreas empresariais (internacionalización, promoción, fiscalidade, etc) e membros das institucións públicas e privadas que ofrecerán apoio, asesoramento, orientación personalizada e ferramentas precisas ás empresas e emprendedores do sector tecnolóxico-dixital nos seguintes eidos e segundo as necesidades de cada participante: proxectos comúns de colaboración TIC galego-portuguesa, internacionalización de empresas TIC e creación de novas empresas e liñas de negocio. Este núcleo traballará de xeito virtual na plataforma web www.nacce.es e en persoa nos foros previstos de innovación, colaboración e internacionalización e máis nas mesas de traballo.
O primeiro foro, como dixemos, celebrarase o xoves 13 de setembro na Cámara de Comercio de Vigo. Transcorrerá ao longo dunha mañá con relatorios sobre estratexia internacional, xestión e experiencias internacionais da man de reputados profesionais como José Ramón Pais (vicepresidente da Fundación Innovapyme Galicia), Elías Pérez (cofundador de Quobis) ou José Manuel García, actual responsábel de Binaurality.
Os seguintes foros programados son:
· II FORO NACCE, FORO DE INNOVACIÓN EN PEME TIC GALICIA-NORTE DE PORTUGAL. Data: 18 de setembro de 2012. Lugar: Ourense
· III FORO NACCE, FORO DE COLABORACIÓN. Data: 20 de setembro de 2012. Lugar: Pontevedra
· IV FORO NACCE, FORO DE INNOVACIÓN II. Data: 27 de setembro de 2012. Lugar: Guimarães
NACCE é un proxecto que se inscribe dentro da segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza España -Portugal 2007-2013. No proxecto NACCE participa como xefe de fila e responsable a Dirección Xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, xunto á Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Vigo, a Universidade de Vigo, a Asociación Empresarial AIMINHO e a Asociación Centro de Computación Gráfica de Portugal.

PUBLICIDADE