O Profesor Layton chegará á 3DS o 26 de outubro

xoves, 30 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Tras 4 entregas para a Nintendo DS as aventuras do Profesor Layton van dar o salto á nova portátil de Nintendo con El Profesor Layton y la Máscara de los Prodigios, título moi agardado que finalmente xa ten data de lanzamento para o mercado español, de xeito que os usuarios da Nintendo 3DS e 3DS XL poderán adquirir este xogo a partir do 26 de outubro tanto nas tendas como a través da Nintendo eShop.
O xogo explorará o pasado do Profesor Layton, contará con máis de 150 novos quebracabezas e novo minixogos e, para quen non teña dabondo, tamén será posible descargar 365 quebracabezas adicionais a través da Nintendo Network a un ritmo diario durante todo un ano dende o lanzamento do xogo, o que é unha garantía de lonxevidade deste título.
Este quinto xogo da saga sitúa a Layton, Luke e Emmy un pouco despois dos eventos acontecidos en El Profesor Layton y la Llamada del Espectro, tendo que deter ao misterioso Cabaleiro Enmascarado que está aterrorizando a cidade de Montedore cos seus prodixios (como converter aos seus cidadáns en estatuas de pedra).
O xogo, aínda que conserva o seu característico estilo gráfico (con imaxes que parecen debuxadas a man) as animacións ofrecerán 3D e un modelado de personaxes que engade profundidade ás imaxes.

PUBLICIDADE