O Messenger estrea reaccións e mencións

xoves, 23 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Nas últimas semanas Facebook estivo a probar a incorporación de reaccións no seu Messenger, coa curiosa estrea da reacción Non Me Gusta, e finalmente decidiron que estaban a avanzar na dirección correcta e hoxe anuncian unha actualización do Messenger que introduce as reaccións e as mencións para mellorar as conversas e facelas máis prácticas e divertidas.
As reaccións consisten en que no medio das conversas de Messenger poderemos premer sobre un texto ou unha imaxe nunha conversa e elixir a emoticona que desexemos entre Encántame, Faime rir, Abráiame, Entristéceme, Anóxame, Gústame e Non Me Gusta.
En cada mensaxe con reaccións veremos as fotos de perfil das persoas que reaccionaron ás mesmas, e se prememos sobre as caras veremos o detalle das reaccións. Tamén veremos en tempo real cando se realice unha reacción mediante unha pequena animación que veremos se temos a conversa aberta e, en caso contrario, tamén veremos as reaccións a xeito de notificación.
A outra grande mellora do Messenger son as mencións, de xeito que cando esteamos nunha conversa en grupo poderemos escribir unha @ e logo comezar a teclear o nome da persoa do grupo a quen queiramos dirixirnos para mencionalo e facilitar así a conversa entre varios usuarios. Nesta ocasión a persoa mencionada tamén recibirá unha notificación detallada que facilitará acceder á conversa para achegar unha resposta.
Estes cambios comezan a aplicarse hoxe mesmo, pero poden tardar varios días até que estean accesibles para todos os usuarios do Messenger de Facebook.

PUBLICIDADE