As reaccións de Facebook poderían chegar ao Messenger estreando o Non Me Gusta

luns, 6 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Para enganchar máis ao usuarios ao servizo hai pouco máis dun ano implantaron en Facebook as reaccións, como un xeito de enriquecer os gústames, e que hai pouco ampliou os seus ámbitos de uso, de xeito que, en vez de limitarse ás publicacións pasou a poder aplicarse a comentarios soltos, converténdose así nun sucesor máis amplo do simple gústame e que agora quere ir incluso un paso máis adiante e están a probar a integración das reaccións dentro do Messenger.
Temos así que algúns usuarios poden premer en mensaxes independentes dentro do Messenger de Facebook para indicar que un comentario o abraia, provócalle risa, encántalle... agochando esta novidade unha curiosa sorpresa: a posibilidade de empregar como reacción unha man co polgar apuntando cara arriba ou cara abaixo, ou sexa, que finalmente teriamos a reacción oposta ao Gústame, o moi demandado Non Me Gusta.
Dende Facebook recoñecen estar a realizar estas probas, e aseguran estar a esperar á resposta dos usuarios para decidir se levarán esta funcionalidade á totalidade de usuarios, o que parece bastante probable, xa que sería unha interesante novidade na mensaxería instantánea, por ofrecer un xeito diferente de responder a certas comunicacións.

PUBLICIDADE