O Manifesto Crowd abre novos vieiros para aplicar no eido empresarial a fórmula das comunidades en liña

mércores, 19 de xuño do 2013 Fernando Sarasketa

Antoni Gutíerrez-Rubí, Francis Pisani e Juan Freire

Pode cambiar o noso xeito de traballar e obter rendementos pola vía dos novos servizos da Rede, os servizos de tipo social que promoven mobilizacións, recadacións e iniciativas conxuntas? Estamos a piques de ver a utopía do traballo xusto e o mercado responsábel finalmente realizada? Ben, pode que non tanto, pero algo disto hai, sen dúbida, no noso día a día na Rede apoiando unha iniciativa social ou empresarial en Verkami, facendo fronte común en Change.org ou asinando con xente coma nós para ter escolas na nosa lingua, bancos éticos ou fondos comúns contra os recortes sociais. Para xente como Juan Freire e Antoni Gutiérrez-Rubí (coa colaboración de Francis Pisani), responsábeis do Manifiesto Crowd, está claro que hai futuro para un novo xeito de facer riqueza, lonxe de mans corruptas (no caso de habelas, serían quitadas do medio pola propia colectividade).
Falamos de empresas abertas e construídas polas multitudes, plataformas cidadás reais que se prolongan, duplican e materializan na Rede. O dito manifesto constitúe unha proposta aberta dirixida a estudar os cambios da sociedade provocados polos novos xeitos de comunicármonos (na liña de debate do pasado congreso Ibercom, celebrado en Santiago) e a aproveitar todo ese potencial para facer facer riqueza e novas iniciativas empresariais. O libro descargábel de balde, abrangue un manifesto integrado por 66 puntos coa extensión dun tuit e que os responsábeis da obra convidan a completar de xeito colectivo a través das redes sociais co hashtag #mc. Asemade, achégase en cinco linguas, entre as que se conta a nosa (en virtude da adaptación feita por Noela Sánchez). Entre outras cousas, a proposta defende a transparencia de información e, sobre todo, a creación dun novo modelo produtivo onde os responsábeis das empresas non sexan xente desligada de todo compromiso e contacto coas necesidades da contorna social na que se erixen (unha boa parte dos nosos políticos e empresarios famélicos de beneficios a toda costa), senón que entendan dunha vez por todas esa verdade que se nos esquece: non hai riqueza posíbel se a sociedade que nos rodea non se beneficia (social, cultural, medioambiental e economicamente) tamén.

PUBLICIDADE