O Louvre emprega a Nintendo 3DS para o seu sistema de audioguías

mércores, 11 de abril do 2012 Marcus Fernández

O Museo do Louvre estreou hoxe un novo de sistema de audioguías baseado en consolas Nintendo 3DS, que veñen equipadas cun software especificamente deseñado para profundar no coñecemento da cultura da Arte dun xeito ameno e interactivo. Esta nova guía do Louvre desenvolveuse directamente po Nintendo no Xapón, e pretende servir de apoio ás exposicións do museo, achegando sons e imaxes que axudarán aos preto de 9 millóns de visitantes que o Louvre recibe cada ano ampliando os seus coñecementos sobre as distintas pezas de arte e exposicións que aloxa o museo.
A guía amosa un mapa do grande edificio do Louvre, dende o que saber por onde se están a mover os visitantes en cada momento, podendo tamén ver imaxes e animacións en 3D, así coma consultar máis de 700 comentarios sobre obras de arte, proporcionando unha nova perspectiva sobre as coleccións do museo parisiense.
Para os que visiten o Louvre por primeira vez a guía para 3DS ofrece unha serie de circuítos temáticos, que articulan unhas visitas duns 45 minutos que serían Obras mestras (no que pódese visitar a Mona Lisa e a Venus de Milo entre outras pezas) e Exipto para toda a familia (recollendo o material do antigo Exipto).
Esta interesante ferramenta está dispoñible en francés, inglés, español, alemán, italiano, coreano e xaponés, estando en preparación unha versión en linguaxe de signos francesa.


As posibilidades da nova audioguía, vistas en vídeo

Sigeru Miyamoto probando a nova audioguía do Louvre
A audioguía inclúe un circuíto temático sobre Exipto

PUBLICIDADE