O Leopard sairá á venda o 26 de outubro

mércores, 17 de outubro do 2007 Marcus Fernández

Apple anunciou que o vindeiro 26 de outubro ás 6 da tarde estreará oficialmente a versión Leopard do seu sistema operativo Mac OS X, que podería terse demorado por mor do lanzamento do iPhone (que tería consumido moitos dos recursos de Apple) e que está máis próximo de ser unha realidade para os usuarios de ordenadores de Apple, que poderán tirar proveito de máis de 300 novas características.
O Leopard venderase a 129 dólares para un único usuario, podendo adquirirse licenzas de grupo coma o Family Pack, que permite o uso do novo Mac OS X para 5 usuarios por 199 dólares. Tamén se lanza dúas versións para servidor por 499 dólares (ata 10 clientes) e por 999 dólares (número de clientes ilimitados) de xeito que conforma unha oferta moito máis flexible que, por exemplo, Windows Vista.
O novo Mac OS X non só mellorará a súa barra de dock (que é o cambio máis evidente visualmente); senón que tamén permite a interacción entre a súa aplicación de axenda e Google Maps; o seu reprodutor de DVD incrementa a calidade de reprodución (e inclúe opcións para evitar as partes danadas dos discos); fai máis doado compartir os contidos do ordenador, a aplicación iCal cambia a súa aparencia; o iChat inclúe conversas en pestanas, gravación de conferencias, conexión simultánea con múltiples contas de varios servizos de mensaxerías e outras melloras; a vista previa de ficheiros do equipo coida máis a súa aparencia e mesmo inclúe soporte de metadatos de xeolocalización; o sistema de impresión é máis sinxelo e cómodo; o navegador Safari tamén se actualiza (permitindo, entre outras cousas, a reorganización de pestanas ou a unión de varias fiestras nunha única); o buscador Spotlight se abre a equipos compartidos en rede; o editor de texto inclúe o soporte de arquivos de Word 2007 e OpenDocument; e por último, e non menos importante, entra en xogo a Time Machine que axudará a recuperar información anterior.

PUBLICIDADE