O Kindle para Android incorpora publicacións periódicas

martes, 18 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Amazon vén de renovar a súa aplicación de Kindle para dispositivos co sistema operativo Android, chegando á súa versión 2.0 e incorporando a posibilidade de funcionar dende tarxetas microSD (aforrando espazo na memoria interna dos terminais), a posibilidade de compartir os progresos de lectura en redes sociais e o soporte de revistas e xornais, de xeito que agora permite o acceso a máis dun cento de publicacións periódicas que soportan a súa adquisición tanto en números soltos como mediante subscrición, destacando o feito de que cada subscrición inclúe 14 días de proba de balde.
A aplicación conta con funcionalidades coma permitir a lectura en horizontal e vertical, axustar o tamaño do texto das nosas lecturas, sincronizar os puntos de lectura entre as súas distintas plataformas e soportar xestos para facer zoom. Funciona en Android 1.6 ou superior e abre o acceso a máis de 775.000 libros (nos EE.UU., pois o catálogo accesible dende España está máis limitado).

PUBLICIDADE