O IGC desenvolve unha ferramenta que ensina a consumir de xeito responsable pola Rede

venres, 29 de agosto do 2008 Raquel Noya

O Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, vén de desenvolver un programa informático para traballar distintos aspectos de seguridade e garantías coas compras en Internet que, entre outras cousas, conta cunha tenda virtual, un módulo de correo electrónico, un portal bancario e un módulo de atención telefónica, que simulan un contorno real de comercio electrónico. Logo de poñelo en práctica con éxito dentro da programación educativa da Escola Galega de Consumo do IGC, técnicos do Instituto están a dalo a coñecer noutras comunidades autónomas como Asturias e na Rioxa, onde se presentou na sede da Axencia de Sanidade e Consumo de Oviedo e en Logroño co gallo da celebración do Día Internacional de Internet, respectivamente.
A devandita xornada consistiu na realización de distintos obradoiros a través dun simulador de compras en liña, unha ferramenta da que dispón o centro permanente de formación do Instituto Galego de Consumo para traballar sobre os dereitos e os deberes das persoas consumidoras en relación á compra de produtos a través de Internet.
Nesta ocasión participaron técnicos da Axencia de Consumo de Asturias e monitores dos catro Centros de Formación en Consumo (CFC) que funcionan no Principado, que mostraron o seu interese nesta novidosa ferramenta e destacaron o seu carácter práctico así como a utilidade das temáticas que nela se traballan, “habida conta que as compras a distancia están cada vez máis estendidas na nosa sociedade”, aseguraron.
Na imaxe, o acto de presentación da ferramenta en Asturias.

PUBLICIDADE