O ICANN decide se permite ou non que os dominios inclúan na súa extensión calquera palabra

xoves, 26 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

A entidade que se dedica a asignar os dominios de Internet, ICANN, chega hoxe en París a un intre crucial na súa relativamente breve historia: aprobar ou non un plan que significaría un importante cambio de rumbo nos seus preceptos sobre as normas a seguir polos internautas á hora de pórlle nome aos seus sitios web. De feito, a iniciativa, de prosperar, deixaría a porta aberta á inclusión a partir do ano que vén dunha gran listaxe de dominios xenéricos, moi diferentes no seu fondo e na súa feitura aos que todos coñecemos: .com, .net ou .es. Para que se entenda, a iniciativa posibilitaría -entre outras cousas- o xurdimento de extensións temáticas de todo tipo: .fútbol, .música, .gastronomía ou.viaxes. En realidade, segundo apunta El País, podería ser incluída calquera palabra que se nos ocorrera e en calquera lingua cun máximo de 64 caracteres.
A polémica, para os fundamentalistas da orde e de que cada cousa estea no seu sitio (os que opinan que na Internet todos estamos moi ben xuntos, pero non revoltos), está xa sobre a mesa.
Por certo que estes puristas do previamente establecido van ter diante un óso duro de roer: aqueles internautas que sosteñen que os engadidos .org, .com, .info ou .es non son outra cousa ca unha pequena ditadura virtual.
A nova reunión do ICANN celebrarase como dixemos en París e contará coa presenza de 70 países e máis de 1.500 congresistas. Entre outras cousas, e en virtude de se a proposta devandita vai adiante, podería permitirse a inclusión de alfabetos como o cirílico ou o chinés. Asemade, cómpre sinalar que está prevista na dita xuntanza a concorrencia da plataforma galega PuntoGal, que xa anunciou que se vai reunir con diferentes representantes do ICANN amais de entregarlles aos asistentes completa información sobre a proposta dun dominio propio a cultura e a lingua galega na Rede.

PUBLICIDADE