O Humble Indie Bundle chega á súa 5ª edición cunha recompilación de altísima calidade

venres, 8 de xuño do 2012 Marcus Fernández

No pasado xa temos falado dos paquetes de xogos solidarios que mediante agresivas promocións buscan distribuír títulos multi-plataforma sen DRM conseguindo achegar cartos á caridade (concretamente a Fronteiras Electrónicas e a Child’s Play Charity) e aos desenvolvedores, fixando o propio usuario o prezo que quere abonar e o reparto dos cartos que quere que se faga, liberdade que os usuarios agradecen con compras en masa, que poderían superar todos os records con The Humble Indie Bundle V, edición que inclúe un dos mellores exemplos de xogos independentes ata a data, xunto coas súas bandas sonoras en formato FLAC e MP3.
Os xogos que conforman a base deste recompilatorio que xa vai preto do medio millón de copias vendidas (e de 4 millóns de dólares recadados) son o aclamado plataformeiro de acción Psychonauts de Tim Schafer, o xogo de quebracabezas e plataformas LIMBO, o terrorífico Amnesia: The Dark Descent, o xogo de rol de acción Bastione a aventura Superbrothers: The Sword & Sworcery EP. Só estes xogos xunto coas súas bandas sonoras terían un prezo habitual de 110 dólares, e a meirande parte da xente os adquire por menos de 10 dólares, de xeito que estamos ante unha ganga que anima a quen non tivera estes títulos a gozalos e, de paso, pór en valor os desenvolvementos independentes.
Para completar a oferta, os usuarios que paguen unha cantidade superior á media (que no momento de escribir este texto é de 8,20 dólares) conseguirán de balde copias doutros títulos non menos destacables, como a aventura de supervivencia psicolóxica Lone Survivor, o aditivo Super Meat Boye o magnífico xogo de quebracabezas e plataformas Braid.
Estes xogos poden descargarse en versións para Windows, Mac OS X e Linux, e para quen teña dúbida sobre o feito de que estamos ante xogos bastante completos pese a non vir de grandes estudos, podemos comentar que a descarga do Psychonauts ocupa máis de 4 Gbytes, e Bastion ocupa preto de 754 Mbytes, aínda que outros títulos cun uso de disco bastante inferior conseguen ser máis divertidos e orixinais, servindo como reivindicación do desenvolvemento indie, que non ten que explotar franquías ata o aburrimento e pode explorar novas mecánicas de xogo e estéticas arriscadas.


Vídeo de presentación do The Humble Indie Bundle V

PUBLICIDADE