O Google I/O poderá seguirse en liña e a través dun evento presencial en Vigo

xoves, 9 de maio do 2013 Marcus Fernández

As Google Glass prometen ser o prato forte da edición deste ano de Google I/O

Entre os días 15 e 17 terá lugar no Moscone West Convention Center de San Francisco (California) unha nova edición do Google I/O, encontro anual para desenvolvedores organizado por Google que xuntará a 6.000 profesionais de xeito presencial e que tamén poderá seguirse a través de streaming por todo o mundo dende ordenadores, tablets e smartpohnes, ou incluso dun xeito máis natural a través de encontros presenciais que facilitan vivir esta experiencia a distancia, como o Google I/O Extende 2013 organizado polo Grupo de Desenvolvedores de Google de Vigo (GDG Vigo) na E.T.S.E. de Telecomunicación da Universidade de Vigo, onde o día 15 poderá seguirse en directo a principal presentación de Google, á vez que participar dunha charla e dun obradoiro.
Este encontro vigués botará a andar ás 16:00 horas cun obradoiro de enxeñaría inversa na que como exemplo práctico destriparase unha aplicación de Android real, buscando así que a experiencia sexa de proveito. Esta actividade correrá a cargo de Miguel Gesteiro e Román Pena Pérez, expertos de seguridade do GDG.
De 17:15 a 17:45 horas teñen previsto introducir ao desenvolvemento para Google Glass nun obradoiro no que empregarán un emulador das populares lentes de Google para amosar as súas posibilidades. Breogán González Fernández e Alberto Ruibal serán os que afondarán nas posibilidades deste trebello que está a recibir tanta atención mediática nos últimos meses.
Ás 18:00 horas conectarase en directo con San Francisco para seguir a keynote principal en directo e, tras a mesma, realizarase un Hongout para conversar cos embaixadores da GDG Vigo en San Francisco.
Dende Google tamén queren que o seguimento do seu encontro sexa o máis completo posible dende fóra de San Francisco, e aparte de transmitir as keynotes, tamén emitirán a través de Google Developers Live unha serie de vídeos nos que afondarán en cada produto, entrevistas de interese e moitos outros contidos de grande interese, estando tamén dispoñible todo este material para a súa reprodución en diferido a través da canle de YouTube de Google Developers, grupo que tamén estará moi activo en Google+, facilitando información sobre o Google I/O segundo vaian desenvolvéndose.

PUBLICIDADE