O Goberno recúa nas súas pretensións de que os buscadores paguen ás compañías de telecomunicacións

martes, 9 de marzo do 2010 Marcus Fernández

As polémicas declaracións de César Alierta, presidente de Telefónica, asegurando que os buscadores de Internet deberán pagar ás operadoras de telecomunicacións por usar as súas redes, parecen non estar a acadar os apoios que algúns agardaban, de xeito que a proposta anteriormente redactada polo Goberno español para solicitar a regulación comunitaria dos «intermediarios de Internet» (os buscadores) para forzalos a contribuír economicamente no sostemento das infraestruturas de rede vén de sufrir unha modificación que parece deixar de lado as anteriores ameazas á neutralidade da Rede.
O novo documento limítase a destacar que haberá que estudar as «posibles posicións de abuso» que poidan ter lugar por parte de axentes que non estean relacionados directamente coa infraestrutura de rede, ou sexa, que pásase dunha reclamación económica a unha mera precaución anti-monopolística. Deste xeito, as intencións dalgunhas operadoras de telecomunicacións vense frustradas ante a imposibilidade de actuar contra o regulamento vixente.
Nesta mesma liña, Rosa María García, vicepresidenta de Microsoft para Europa occidental, nunha intervención en Martins Esade, declarou estar en contra de que os provedores de servizos paguen por utilizar a infraestrutura de comunicacións e pediu a Telefónica «claridade» á hora de definir se son os provedores ou os consumidores de servizos os que deben pagar.

PUBLICIDADE