PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Críticas unánimes a unhas declaracións do presidente de Telefónica contra a neutralidade de rede

luns 8 de febreiro do 2010, por Marcus Fernández | | Compartir en Tuenti | Compartir |

O pasado venres no Hotel Ercilla de Bilbao tivo lugar unha conferencia organizada pola asociación de alumnos de La Comercial de Deusto na que César Alierta, presidente de Telefónica, fixo unha polémica intervención que publicaron en vídeo na páxina web da televisión pública éuscara, o que deu lugar a toda unha sucesión de comentarios críticos.
Por unha banda, facendo unha interpretación moderada das declaracións de Alierta, podemos entender que Telefónica quere cambiar as regras do xogo das telecomunicacións, botando por terra a neutralidade de rede, e buscando así que os buscadores de Internet paguen unha parte dos seus beneficios ás operadoras de telecomunicacións, o que xa de por si sería unha postura moi perigosa e que conta cun amplo rexeitamento público, pero sumado as maneiras do responsable de Telefónica e a súa evidente ignorancia sobre o tema do que está a falar, creouse unha indignación xeneralizada en blogs e publicacións especializadas.
Entre os críticos podemos contar por exemplo a Enrique Dans, quen define as declaracións de Alierta coma «unha irresponsabilidade», despois de asegurar que «Alierta segue sen coñecer o negocio das telecomunicacións»; Antonio Ortiz, de Error500, critica en cambio o fondo da cuestión, asegurando que as manifestacións do presidente de Telefónica poderían resumirse en «non somos capaces de engadir valor, así que ameazamos con subtraer o que vimos achegando se non levamos máis do negocio que fan outros», ou sexa, unha mala reacción aos fracasos continuados de plataformas coma Terra, Pixbox ou Keteke (que pese a contar con fortes investimentos, non conseguiron ser relevantes na Internet); aínda que tampouco habería que esquecer que Telefónica non ten ningunha capacidade de presión ante buscadores coma Google, pois a única medida que podería tomar sería a de cortar o acceso ás páxinas do buscador por parte dos seus clientes, o que sería coma dispararse nun pé, levando aos usuarios a mudar de operador e ter que facer fronte logo a denuncias tanto de Google coma dos usuarios.
Atendendo ao discurso de Alierta queda bastante claro o seu descoñecemento do tema a tratar, pois asegura que «o que é evidente é que os buscadores de Internet utilizan a nosa rede sen pagar nada, o que é unha sorte para eles e unha desgraza para nós. Pero tamén é evidente que isto non pode seguir. As redes as poñemos nós; os sistemas os facemos nós; o servizo postventa o facemos nós; facémolo todo. Isto vai cambiar, estou convencido».
Pero a polémica non cesou coas declaracións sobre a neutralidade de rede e os buscadores de Internet, senón que acto seguido, ao presidente de Telefónica non se lle ocorreu outra cousa que asegurar que este mesmo ano van lanzar un «sistema aberto» para aplicacións móbiles en contraposición ao «sistema pechado» de Apple, que permitiría a descarga en calquera terminal de calquera marca, o que pese a ser tecnicamente inviable (os móbiles teñen características e sistemas operativos distintos) e atentar á libre competencia (impor unha plataforma única de software sería impulsar un monopolio), Alierta considerou que era inevitable por analoxía ás SMS (que funcionan en todos os móbiles). Os seareiros de Apple tamén viron nesa declaración a confirmación de que Telefónica perdería a exclusividade do iPhone en España en breve, pois criticar á App Store e anunciar que ían a competir coa mesma non parece o máis atinado para unha compañía que quere manter boas relacións con Apple.
Igual de desatinados foron os comentarios sobre cloud computing cos que pecha o vídeo publicado na web, pois confunde os servizos coas infraestruturas de comunicacións, ao que engade frases coma «non sei por qué se chama cloud computing, pero iso é» e «a intelixencia está na Rede, e as redes son nosas». Tras afirmacións dese tipo, e a imposibilidade de pronunciar un parágrafo completo de xeito coherente, non sorprende que moitos chegasen a criticar que o directivo de Telefónica estaba bébedo ou alterado durante a súa intervención.
É evidente que existe un conflito entre compañías de telecomunicacións e grandes empresas de prestación de servizos na Rede, pero de cara a futuros debates sobre o tema, queda claro que Alierta non sería un interlocutor válido, e incluso os lexisladores deberían pensar en por cancelas as empresas de telecomunicacións, para que non impoñan os seus criterios nunhas infraestruturas que actualmente son fundamentais para o desenvolvemento da nosa sociedade.


Vídeo coas polémicas declaracións de César Alierta
 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS