O Goberno anima ao sector galego do libro a beneficiarse dos 9 millóns das axudas á transformación

martes, 12 de abril do 2022 S. P.

O Goberno central compartiu este martes 12 os seus programas de impulso ao sector editorial cos representantes do mesmo na nosa terra. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animou ao sector a optar ás axudas públicas do Ministerio de Cultura e Deporte para a súa modernización e transformación tecnolóxica e que contan con 9 millóns do Plan de Recuperación.
Estas axudas, sinalou o delegado, están destinadas a editoriais, empresas distribuidoras, librarías e empresas de artes gráficas, “para fomentar a mellora dos procesos de distribución e subministro de libros, e promover a modernización das librarías”.
As potenciais destinatarias son máis de 2.500 empresas de Galicia.
O delegado destacou que esta liña está dirixida a financiar “pequenas empresas, autónomos e autónomas, a base deste sector e precisamente os que teñen máis dificultades para financiar este tipo de melloras”. O Ministerio de Cultura e Deporte prioriza a estes actores para compensar a realidade empresarial deste sector en España, onde só un 0,6% das empresas teñen máis de 50 traballadores.
José Miñones lembrou a relevancia que o sector do libro ten en Galicia. “Os últimos datos do Ministerio de Cultura referidos a 2020 apuntan a que en Galicia publicáronse máis de 2.700 títulos, un 20% máis que no ano anterior, a pesar da incidencia da pandemia”, sinalou, engadindo que o que se busca agora é “fomentar esta resiliencia e mellorar a súa competitividade”.
Tipos de axudas
As solicitudes poderán presentarse ata as 14:00 horas do próximo 28 de abril.
No caso das editoriais, subvencionaranse, entre outras, ferramentas online que proporcionen aforro de tempo, eliminación de burocracia na xestión administrativa, comercial, contábel e na relación cos autores.
Pola súa banda, as distribuidoras poderán incorporar ferramentas dixitais que melloren os procesos de comercialización dos libros (xestión de almacén, xestión de pedidos, integración en venda online).
As librarías poderán incrementar a súa velocidade de conexión a Internet, adquirir equipos que faciliten a súa xestión interna ou realizar reformas que supoñan un aforro enerxético ou contribúan á reciclaxe.
Doutra banda, subvencionaranse proxectos para aquelas empresas de artes gráficas que queiran incorporar aos seus procesos a impresión baixo demanda, “o que permitirá aos lectores o acceso a libros esgotados ou descatalogados, así como a redución de custos como o almacenamento ou a devolución”, sinálase nas bases.

PUBLICIDADE